O imparable proceso de dixitalización no que estamos inmersos está cambiando profundamente a nosa sociedade. As novas tecnoloxías instaláronse en todos os ámbitos da nosa vida e transformaron as nosas relacións e o xeito no que consumimos. A Educación non está á marxe de todos estes cambios. É máis, debe xogar un papel fundamental para que nenos e mozos, nativos dixitais, adquiran as competencias necesarias para facer un uso axeitado e crítico das novas tecnoloxías. Os docentes deben, do mesmo xeito, formarse neste ámbito para aproveitar todo o potencial que lles ofrecen as novas tecnoloxías no marco da ensinanza e, ao tempo, formar os seus alumnos para a sociedade dixital.
Neste marco, CEDRO puxo en marcha a Escola de Dereito de Autor, unha iniciativa cuxo propósito é proporcionar á comunidade educativa -estudantes e docentes- as ferramentas necesarias para conseguir unha educación regrada dixital de calidade que contribúa á sostibilidade da cultura a través do respecto á propiedade intelectual. Este proxecto aséntase sobre a misión de CEDRO de protexer os dereitos de autor, velar polo uso legal das obras e impulsar iniciativas de apoio a autores e editores que garantan a sostibilidade e ao desenvolvemento da creación e da cultura escrita.
A Escola de Dereitos de Autor recorre, nunha contorna web, a formatos e metodoloxías innovadoras, como a gamificación, para facilitar a capacitación dixital, os coñecementos sobre a propiedade intelectual e o axeitado manexo da información. Ofrece diversos itinerarios destinados a alumnos de primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional e universidade; a profesores, equipos directivos e a centros educativos, todos eles formados por catro etapas: o diagnóstico, a formación, a integración dos coñecementos e a certificación final.
Na sección Aula de Dereito de Autor, ofrécense contidos para que os alumnos e profesores, segundo distintos niveis, adquiran coñecementos acerca da propiedade intelectual e a súa aplicación práctica a través de xogos interactivos. Todos os contidos orientáronse aos obxectivos dos novos plans de estudo e foron elaborados por profesionais da pedagoxía e os dereitos de autor en colaboración coa Dirección Xeral de Educación, o Ministerio de Educación e Cultura e o Sindicato de Educación (OAJ) de Finlandia. Na súa versión para España, os materiais foron adaptados por CEDRO. Dirixido a alumnos universitarios, e baixo o mesmo esquema de traballo, podemos atopar a sección Campus.
A Escola de Dereitos de Autor integra tamén o programa Es de Libro de CEDRO, dirixido a mozos investigadores de ESO e Bacharelato, cuxo fin fundamental é que estes produzan e difundan contido partindo de información de valor, contrastada e respectuosa cos dereitos de autor; avalíen de xeito crítico os contidos de calquera soporte; e valoren o uso ético da información e a función dos medios nas sociedades democráticas.
Na área dirixida a docentes proporciónanse consellos didácticos para cada curso e nivel de ensino, unha guía pedagóxica do profesor, así como todos os materiais recollidos para os diferentes niveis escolares, que poden usar de apoio para a sesión docente, como exemplos para citar as fontes, resumos e diplomas. Esta sección inclúe, ademais, ferramentas para a avaliación de hábitos na aula e a implantación de boas prácticas.
Do mesmo xeito, os profesores da ensinanza regrada non universitaria poderán acceder a un obradoiro en liña, en formato MOC, para que adquirir coñecementos avanzados sobre a xestión da propiedade intelectual dentro da aula.
E nas próximas semanas poderase acceder a esta sección, onde os docentes atoparán fragmentos de obras da nosa literatura clásica e actual como ferramentas para que poidan traballar cos seus alumnos na alfabetización mediática, as competencias dixitais e a propiedade intelectual.
A Escola de Dereitos de Autor contén, ademais, información sobre propiedade intelectual, licenzas de uso para distintos materiais, así como preguntas frecuentes e un percorrido para a produción persoal, que repasa paso a paso o proceso de produción propia e as súas directrices relacionadas cos dereitos de autor, a busca de información e a capacidade lectora crítica.
Con este proxecto, CEDRO senta as bases para que o respecto aos dereitos de autor e a propiedade intelectual se afiance como un valor na actual sociedade do coñecemento en todos os niveis da comunidade educativa.