En maio de 2018, o Consello da Unión Europea deu a coñecer unha
recomendación na que recollían as 8 competencias esenciais que deben adquirir os cidadáns para a súa realización persoal, adoptar un estilo de vida saudábel e sustentábel, exercer unha cidadanía activa, favorecer a súa inclusión social e a súa empregabilidade. Esta recomendación convértese nun instrumento básico para quen forma parte do ecosistema educativo e de formación, ao achegar unha visión común sobre as metas competenciais cara ás que deben ir estes dous ámbitos nos Estados membros, sempre co fin de que os cidadáns estean preparados para afrontaren os actuais e futuros desafíos da nosa sociedade.
Entre esas 8 competencias esenciais identificadas polo Consello da UE, atópanse as competencias dixitais, entendidas como unha combinación de coñecementos, habilidades e actitudes que implican «o uso seguro, crítico e responsábel das tecnoloxías dixitais e o compromiso con elas para a aprendizaxe, o traballo e a participación na sociedade».
Cando podería considerarse que unha persoa adquiriu esas competencias dixitais?
En Europa, o
proxecto DigComp, impulsado polo Joint Research Centre, é quen sinala as pautas en materia de competencia dixital, e estabeleceu as 5 grandes áreas onde deben centrarse os coñecementos, as habilidades e as actitudes dos cidadáns dixitalmente competentes. Estas son:
1. A información e a alfabetización no uso de datos. Os volumes de información xerados grazas ás novas tecnoloxías fan imprescindíbel que os cidadáns sexan capaces de identificar, localizar, recuperar, almacenar, organizar e analizar toda esa información dixital, así como desenvolver o seu espírito crítico para avaliar a súa finalidade e relevancia.
2. A comunicación e colaboración. Resulta esencial que os cidadáns sexan capaces de interactuar a través das tecnoloxías dixitais; de compartir datos, información e contidos con outras persoas e actuar de intermediarios, para o que é preciso adquirir coñecementos sobre propiedade intelectual e referenciación. Deste xeito, as obras dos autores poderán ser compartidas de maneira respectuosa e avalada por unha protección que fomente a cultura no noso país e o recoñecemento aos seus creadores.
3. A creación de contidos é outra das áreas básicas onde os cidadáns deben instruírse para desenvolveren as súas capacidades dixitais. Han de saber crear e editar novos contidos; modificar e integrar información e contidos existentes para crear outros novos con interese e, neste marco, comprender como se aplican os dereitos de autor e as licenzas aos datos, a información e os contidos dixitais.
4. A seguridade é outro dos ámbitos chave e debe ir encamiñada non só á protección persoal, a dos datos e a da identidade dixital, senón tamén ao uso seguro e sustentábel das tecnoloxías, o que implica a protección da saúde e o medio ambiente.
5. O cidadán tamén debe ser capaz de achegar solucións aos problemas que presenta a dixitalización e o uso de novas tecnoloxías. Isto supón saber adoptar as decisións necesarias para seleccionar as ferramentas dixitais máis axeitadas a cada necesidade e obxectivo; resolver problemas técnicos a través de medios dixitais e comprender en que aspectos é preciso mellorar ou actualizar a propia competencia dixital, alén de ter a capacidade de axudar a outros a desenvolvela.
En definitiva, as persoas deben entender como as novas tecnoloxías poden ser unha axuda para innovar, comunicarse e crear, ao mesmo tempo que coñecen os riscos derivados do seu uso; teñen que ser capaces de acceder, analizar, seleccionar e crear a información que estas poñen á súa disposición, sempre desde un enfoque ético, seguro e respectuoso coa lexislación vixente.
© de la imagen: Carballo