A Alfabetización Mediática e Informacional (AMI) permite ás persoas desenvolver unha capacidade fronte á información que reciben e a utilización das ferramentas dixitais no seu día a día.
O uso da tecnoloxía ao servizo da información e a comunicación transformou as relacións sociais e familiares, configurando un novo espazo sociocultural e marcando un novo xeito de interrelacionarnos. A súa importancia reside, ademais, en que se converteron na porta de acceso ao coñecemento e a participación social.
Tendo en conta este contexto, é fundamental adquirir habilidades que nos permitan discernir que tipo de información estamos consumindo e, igual de importante, saber como gobernala e compartila.
A UNESCO entende por alfabetización mediática «a capacidade para acceder, analizar e avaliar o poder das imaxes, os sons e as mensaxes ás que nos enfrontamos día a día e que son unha parte importante da nosa cultura contemporánea, así como a capacidade para comunicarse de maneira competente, crear contido e compartilo de xeito seguro e responsábel».
Para iso, é necesario que, nos ámbitos escolares e universitarios se forme aos alumnos en habilidades tales como o pensamento crítico, necesario para cuestionarse a información que reciben e seren capaces de contrastala. É importante tamén fomentar un papel activo e non pasivo fronte ao consumo de información e inculcar aos máis pequenos conceptos como sociedade da información, cidadanía e intercambio de coñecemento responsábel.
A AMI pon en valor o importantísimo papel que a información ten hoxe en día e trata de dar resposta a como acceder e buscar esta información de maneira correcta, eficiente e fiábel. Este tipo de alfabetización trata de dar luz a como se transforma esa información en coñecemento e a como transmitir ese coñecemento de xeito ético e respectuoso.
Que beneficios achega unha sociedade formada nestas premisas?
En primeiro lugar, unha sociedade formada nun correcto uso e interpretación da información é unha sociedade resistente á desinformación e a manipulación, que non cae en fake news, nin as alimenta. Ligada a AMI coa ética, créase unha sociedade que respecta e defende a privacidade do resto de individuos, así como a propiedade intelectual e os dereitos de autor, pedra angular na creación e difusión do coñecemento.
E, por último, unha sociedade alfabetizada en medios de información fomenta o desenvolvemento de novas fontes de información libres e independentes, que han de contar con garantías acerca da protección das súas ideas orixinais, as súas obras e as súas creacións. A AMI avoga por unha difusión da cultura máis universal, xusta, informada e coherente.
AMI en España
“A alfabetización é un requisito fundamental para dialogar, comunicar e integrarse nun mundo cada vez máis interconectado”, asegura a UNESCO. De aí a relevancia de que se poñan en marcha as múltiples iniciativas europeas que sinalan o camiño cara a unha AMI real e universal. Sen ir máis lonxe, en España, o 74 % dos profesores percibe que os seus alumnos están desinformados, segundo recolle o Informe sobre Alfabetización Mediática en España, elaborado pola Fundación Luca de Tena.
Segundo esta enquisa, realizada a 100 docentes de toda España, a formación do alumnado de primaria e secundaria en materia de alfabetización mediática avanzou pouco (47 %) ou nada (13 %) nos últimos cinco anos.
A maioría do profesorado considera que a alfabetización mediática é unha boa solución ao problema da desinformación que, segundo o 41 % dos entrevistados, afecta aos alumnos de maneira notábel. Por outro lado, o 73 % dos enquisados cre que internet contribúe moito á desinformación, mentres que un 60 % o apón aos medios de comunicación.
Sexa como for, non hai dúbida de que a AMI é unha materia pendente nos nosos centros docentes e que é preciso impartir con obxecto de crear unha sociedade formada e informada.
Podes acceder ao informe aquí.
© da imaxe: Antonio Guillem