logo EDA
Navbar
  • Aula
  • Campus
  • Es de libro
  • Taller
  • Outros Recursos
imagen-blog
  1. comezo
  2. Blog
  3. Artigo

Blog

A Intelixencia Artificial nos traballos de clase

25/09/2025

O plaxio existiu sempre, mais co auxe das novas tecnoloxías, a docencia enfróntase de xeito constante a mudanzas drásticas na forma de ensinar e avaliar. Hoxe en día, a revolución da Intelixencia Artificial (IA) pode converterse nunha arma de dobre fío: por unha banda, pode axudar á xuventude a utilizala como unha ferramenta adicional de aprendizaxe ou pode ser unha fonte de desinformación e, ademais, facilitar condutas contrarias á ética educativa. Para que isto non suceda, cómpre ter presentes varios riscos que comporta utilizar a IA no espazo académico.   

Un dos riscos máis importantes está conectado coa autoría e orixinalidade dos traballos. Copiar de maneira literal o resultado proporcionado polos programas de IA nos seus traballos desemboca en dúas consecuencias: ese resultado non pode ser protexido polos dereitos de propiedade intelectual, pois, ao non ser unha creación humana, non se considera orixinal en termos legais, e ademais pode vulnerar as normas académicas do centro de ensino, xa que, para que poidan avaliarse, todos os traballos deben ser elaborados enteiramente polo alumnado.   

Tamén pode darse unha posíbel infracción de dereitos de propiedade intelectual se o propio sistema de IA utiliza obras sen ter a autorización dos titulares de dereitos para o seu adestramento, e, en consecuencia, para xerar contido para outros usuarios. A Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 recoñece a propiedade intelectual como un dereito fundamental. Por tanto, ante as mudanzas que se están a producir coa intelixencia artificial, os dereitos de autoría deben protexerse por considerarse fundamentais para o desenvolvemento dun país e o seu patrimonio cultural. 

Desde unha perspectiva académica, os riscos do uso da IA resúmense na fiabilidade e precisión no resultado xerado por estes programas. Os modelos de IA son xeralmente adestrados cunha cantidade desorbitada de información accesíbel en internet, entre a que se pode atopar literatura científica, mais tamén información pouco rigorosa obtida de sitios obsoletos, comentarios de usuarios en blogs e chats, ou mesmo páxinas web pirata. Alén diso, o usuario non sempre coñece de onde obtivo a información que emprega a ferramenta de IA. Así, a consecuencia directa é que as respostas ou contidos que xeran poden chegar a contribuír á desinformación, divulgación de noticias falsas e o incremento dos nesgos, ademais de faltas de precisión e actualización, porque os sistemas de IA poden non ser adestrados con información en tempo real. Para alén de todo iso, o alumnado que empregue un sistema que non respecte os dereitos de propiedade intelectual e copie as respostas ou contido que este xere, podería estar contribuíndo á diseminación de contido ilícito.  

Por tanto, é aconsellábel: 

  1. Empregar sistemas que garantan o respecto aos dereitos de propiedade intelectual, informen sobre o modo en que xeran contido e citen as fontes de onde obteñen as súas respostas. 

  2. Contrastar a información dada nas respostas e usala para simplificar e comprender os contidos académicos.  

  3. Non pasar por propio o contido xerado artificialmente. 

Deste xeito, evitamos cometer infraccións de propiedade intelectual, pomos en valor os dereitos de autoría e contribuímos a seguir creando unha sociedade crítica e reflexiva.   

 © da imaxe: Shutterstock

 

___________________________________________________

Fontes:  

Centro Español de Derechos Reprográficos. (13 de marzo de 2018). El derecho de autor como derecho humano. (El blog de CEDRO). Cedro.org. [O dereito de autor como dereito humano. (O blog de CEDRO).] 
https://www.cedro.org/blog/articulo/blog.cedro.org/2018/03/01/el-derecho-de-autor-como-derecho-humano  

Centro Español de Derechos Reprográficos. (4 de abril de 2019). La economía creativa y las tecnologías emergentes. (El blog de CEDRO). Cedro.org. [A economía creativa e as tecnoloxías emerxentes. (O blog de CEDRO).] 
https://www.cedro.org/blog/articulo/blog.cedro.org/2019/04/04/la-economia-creativa-y-las-tecnologias-emergentes 

RTVE Play. (25 de abril de 2025). ¿Qué riesgos tiene usar la IA para hacer un trabajo de clase? (Programa: Creando que es gerundio). RTVE.  [Que riscos ten usar a IA para facer un traballo de clase? (Programa: Creando que é xerundio).] 
https://www.rtve.es/play/audios/creando-que-es-gerundio/creando-gerundio-riesgos-tiene-usar-ia-para-hacer-trabajo-clase/16557507/ 

 

Habilidades dixitais

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Alfabetización mediática

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Dereitos de autor

  • Estudantes
  • Profesores
  • Escolas

Lecturas

  • Primaria
  • Secundaria
  • Bacharelato
  • Universidade
logo-footer
logo-Ministerio- Educaci
logo-nextgenerationEU
logo-plan-recup-GALLE

2025 © Centro Español de Derechos Reprográficos

  • Mapa Web
  • Aviso Legal
  • Política de privacidade
  • Política de cookies