As aulas son espazos de intercambio de coñecemento. Nelas utilízanse cada día multitude de contidos –libros, imaxes, vídeos, presentacións e música, entre outros– de moi diversa procedencia. Entender que é a propiedade intelectual e como funciona é esencial para que o alumnado e profesorado traballen con seguridade e responsabilidade.
Que protexe a propiedade intelectual?
Cando un docente utiliza como apoio para as súas clases un fragmento literario, unha nova dun xornal ou un artigo científico, está usando obras creadas por outras persoas. Os dereitos de propiedade intelectual protexen ese traballo creativo (e tamén o do profesorado) cando elabora as súas propias presentacións, apuntamentos e outros materiais para o alumnado.
As obras orixinais están protexidas polos dereitos de autor de xeito automático desde o momento da súa creación, sen necesidade de que sexan rexistradas.
Tipos de dereitos de autor: morais e de explotación
Existen dous tipos de dereitos de autor. Por unha banda, están os denominados dereitos morais, que recoñecen o vínculo entre o autor e a súa obra. O autor non pode renunciar a eles, nin tampouco pode cedelos. Entre eles, están o dereito a exixir o recoñecemento da súa condición de autor ou o respecto á integridade da súa obra, tamén o dereito a retirala da súa comercialización por causa xustificada.
Por outra banda, están os dereitos de explotación, que determinan como pode usarse unha obra: reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación. Estes dereitos poden cederse ou licenciarse baixo determinadas condicións.
Os dereitos de autor protexen a creación cultural e son unha garantía para a súa continuidade. Se as obras non estivesen protexidas, os autores non recibirían unha remuneración polo seu esforzo e dificilmente atoparían o estímulo para seguiren creando.
Límites ou excepcións no ámbito educativo
No ámbito educativo, polas súas características particulares, existen excepcións específicas aos dereitos de autor. Unha delas é o límite de ilustración con fins educativos, que permite aos docentes reproduciren, distribuíren e comunicaren publicamente pequenos fragmentos de obras para impartir as súas clases, sempre que se trate de obras xa publicadas, que non teñan a condición de libro de texto, manual universitario ou publicación asimilada, que sexa con fins educativos non comerciais e que se citen o autor e a fonte.
Existen tamén outras figuras, como o límite de cita, que autoriza o uso de fragmentos de obras alleas con fins docentes ou de investigación para a análise, comentario ou crítica, sempre que se trate de obras xa publicadas e que se citen o autor e a fonte. Tamén o uso de obras en dominio público, que facilitan a reutilización legal de contidos.
Mais, aínda que a lexislación é clara ao respecto, poden xurdir moitas dúbidas sobre o uso de contidos no exercicio da docencia. Unha das preguntas máis comúns do profesorado refírese ao uso de fragmentos de libros para os seus alumnos.
Podo utilizar fragmentos de libros en clase?
A Lei de Propiedade Intelectual indica claramente que para utilizar calquera obra protexida por dereitos de propiedade intelectual (un texto, unha canción, una película…) é necesaria a autorización, salvo naqueles casos en que poida ser de aplicación un límite ou excepción.
Non viría mal que, nos centros educativos, fose lembrado periodicamente aos seus docentes e se celebrasen xornadas formativas ou se elaborase unha guía de fácil seguimento para que se tivesen claros os conceptos. Ademais da Guía práctica de licenzas de uso para docentes do Ministerio de Educación e Formación Profesional, CEDRO achega unha guía sobre propiedade intelectual dirixida a profesores e estudantes, así como tamén a posibilidade de solicitar Licenzas para Ensino nos centros educativos e organizar cursos de formación para o profesorado.
Podo compartir materiais dixitais co alumnado?
A dixitalización e as novas tecnoloxías facilitaron o intercambio de contidos, mais é importante saber que compartir artigos, fragmentos de libros ou libros enteiros por correo electrónico ou na aula virtual é considerado un acto de comunicación pública e, por tanto, require da autorización pertinente. Sempre debemos revisar o aviso ou condicións legais deses materiais ou das plataformas que os aloxan.
Teño dereitos sobre os meus propios materiais docentes?
Os docentes tamén deben ter presente que os seus propios materiais –apuntamentos, presentacións, gravacións– están protexidos pola lexislación de propiedade intelectual. Isto significa que teñen dereitos sobre as súas obras e poden decidir como se utilizan.
Coñecer o dereito de autor e as súas implicacións no contexto educativo debe ser parte do oficio docente. Permite traballar con tranquilidade e sen risco e, o que é máis importante, educar o alumnado no respecto á cultura escrita, un dos piares da nosa identidade como sociedade libre.
© imagen: Xavier Lorenzo - Shutterstock