No medio educativo é moi habitual que o profesorado cree contidos para impartir as súas clases co obxectivo de ofrecer información complementaria aos libros de texto ou reforzar a adquisición de coñecementos por
parte do alumnado. Cando un docente elabora unha presentación, redacta uns apuntamentos ou desenvolve exercicios, está xerando unha obra protexida polos dereitos de autor, que non precisa ser rexistrada para obter esa protección.
Isto tamén significa que cada unha destas obras pasa a formar parte do patrimonio creativo do docente e é el quen debe decidir como se poden utilizar, incluíndo a autorización da súa difusión a terceiros.
Son moitos os contidos creados polo profesorado e de moi diversa natureza, e por iso xorden dúbidas sobre cales están protexidos e cales non.
As clases orais poden considerarse obras protexidas?
Unha das dúbidas máis frecuentes é se as clases orais poden considerarse obras protexidas. A resposta é afirmativa: os docentes toman decisións creativas á hora de impartiren as súas materias, como selección
de contidos, a estrutura e a forma de exposición. Do mesmo xeito, unha presentación de PowerPoint ou un documento elaborado por un docente está protexido polo dereito de autor se presenta orixinalidade a súa redacción,
deseño e escolla de contidos. A gravación dunha actividade docente tamén outorga ao creador dereitos sobre o seu uso e difusión, sempre que a gravación sexa orixinal e non reproduza unicamente material de terceiros.
Uso de obras alleas
Outro aspecto frecuente é o uso de contidos propios que inclúen fragmentos de libros, imaxes ou vídeos de internet ou outras obras alleas. A propiedade intelectual distingue claramente entre o que crea o docente e o que pertence a
outros autores. O profesorado non pode incluír obras alleas sen autorización ou licenza que o permita. Porén, o artigo 32 da Lei de Propiedade Intelectual (LPI) estabelece que se poden usar fragmentos breves con fins docentes
ou de investigación, a título de cita para a súa análise ou comentario, sempre que se trate dunha obra divulgada e se indique a fonte e o nome do autor da obra utilizada.
Os contidos escritos xerados polos docentes e entregados a alumnos ou publicados en plataformas educativas son obras protexidas. Se un alumno, outro docente ou unha institución desexa reutilizalos fóra do ámbito orixinal, debe contar
coa autorización do autor. O docente non perde os seus dereitos ao compartir materiais.
Traballos dos alumnos
Os traballos do alumnado tamén están protexidos polos dereitos de autor. Por iso, o profesorado non pode reutilizalos sen o permiso de quen os elaborou, por exemplo, para incluílos nunha presentación ou publicalos na intranet
do centro.
Como poden as profesoras e profesores protexer os seus materiais
Aínda que non é obrigatorio rexistralos, é recomendábel incluír unha mención de dereitos ou unha nota sobre o seu uso autorizado. O importante é que cada docente coñeza as posibilidades e escolla
a opción que mellor reflicta a súa vontade.
Coñecer os dereitos de autor que afectan os materiais propios e tamén os elaborados por terceiras persoas é esencial dentro do ámbito educativo. Permite a profesores e alumnos desenvolveren a súa actividade con seguridade,
protexer a creación e fomentar unha cultura do respecto á propiedade intelectual, construíndo unha educación sostíbel baseada no coñecemento.